Entrega do galardón "capital senlleira do Teatro Galego, 2024" ao Concello de Muros.

02 / MAR / 2025

Volver atrás



Entrega do galardón "capital senlleira do Teatro Galego, 2024" ao Concello de Muros.

Nun acto que se celebrou este venres pasado, 28 de febreiro, ás 13:00 horas no Centro Cultural e Xuvenil de Muros, o vicepresidente da Academia Galega de Teatro, Eduardo Alonso, fixo entrega do premio “Capital senlleira do Teatro Galego 2024” á alcaldesa de Muros, María Lago Lestón. Muros recibe este premio instituido pola Academia Galega de Teatro co propósito de recoñecer, recompensar, distinguir e galardoar a profesionalidade e a excelencia artística no ámbito das administracións locais como axentes estratéxicos fundamentais no desenvolvemento do Teatro Galego. O galardón é unha escultura simbólica do creador galego Daniel Caxigueiro, realizada expresamente con esta finalidade.

O Concello de Muros recibiu hoxe o recoñecemento como Capital Senlleira do Teatro concedido pola Academia Galega de Teatro con motivo da súa ampla programación escénica desenvolvida ao longo de todo o ano 2024. O vicepresidente da Academia, Eduardo Alonso, fixo entrega do premio, consistente nunha escultura de Daniel Caxigueiro, á alcaldesa muradá, María Lago, á que agradeceu o esforzo económico das arcas municipais na promoción teatral en galego. A rexedora quixo compartir a distinción «cos grupos escénicos locais e coa veciñanza que asiste e mostra interese polos espectáculos que se programan todo o ano» e considerou o galardón como «moi especial pola tradición de teatro que hai en Muros». A rexedora fixo unha mención especial a Madó, encargada durante moitos anos da programación teatral municipal, e tamén a David, quen colleu o seu relevo. A alcaldesa deixou claro que «a aposta de Muros polo teatro continuará, implicando ademais aos centros educativos como fixemos o ano pasado na Mostra de Teatro Xosé Agrelo, na que todo o alumnado do noso termo municipal asistiu a algunha representación». Para elixir ao primeiro galardoado, a Academia Galega de Teatro fixo un estudo pormenorizado dos investimentos municipais na realización de actividades teatrais en relación coa poboación e co orzamento xeral do Concello en cultura, tomando como fontes os datos oficiais ofrecidos por distintos organismos públicos como o Ministerio de Facenda, o Instituto Galego de Estatística ou a Axencia Galega das Industrias Culturais, entre outros.

Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí. Se queres saber máis, le a nosa Política de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies