Noticias

Filtrar resultados

"Laudatorio ditirámbico para Simón", discurso de Francisco Oti homenaxe a Antonio Simón na entrega do Premio da Academia Galega de Teatro 2026

"Laudatorio ditirámbico para Simón", discurso de Francisco Oti homenaxe a Antonio Simón na entrega do Premio da Academia Galega de Teatro 2026

19 / XUL / 2026

Laudatorio ditirámbico para Simón Os tempos son chegados! Hoxe non é un día calquera, é o gran día, o teu día Antonio Francisco Simón Álvarez Pérez, longo nome para longa singradura. A túa, Antonio, sempre ligada a nós e ao Teatro Galego. Non podía ser doutra forma. Non cabían outras posibilidades. Era o destino, o teu destino, o noso destino. Isto tiña que ocorrer. Era cuestión de tempo. Só se necesitaba dunha institución como a Academia, a túa Academia, a do Teatro Galego e o empurrón amable, cariñoso e certeiro dunha Xunta Directiva coñecedora, eficaz, capaz, comprensiva, sabedora e defensora da nosa historia teatral, do noso teatro. E tiña que ocorrer aquí en Ribadavia, un dos lugares onde todo comezou. Aquí no espazo singular da MIT e de Abrente; daquel abrente que tanto significou en nós. Mais compre comezar como é debido, agradecendo que estas cousas pasen para que axuden, en boa medida, a paliar -por que non dicilo- certa e desprezable ignorancia cultural á que o Teatro Galego parece estar irremediablemente condenado. Por iso, unha vez máis en toda a nosa longa vida, queremos berrar, dicir aos catro ventos con voz alta e clara a túa valía, a túa capacidade, a túa arte, a túa dedicación, a túa constancia, a túa presenza, a túa amizade, o teu T E A T R O, así con maiúsculas. Segue sendo necesario e de obrigado cumprimento. Coñecemos a Simón cando xa tiña andado grande parte do seu periplo teatral aló por mediados dos anos oitenta, cando as circunstancias o levaron a participar activamente no deseño das políticas teatrais da Xunta de Galicia e que concluíron en sucesos que marcarían un antes e un despois na historiografía do Teatro Galego; de cando os diarios contaban as andanzas do subdirector xeral de teatro, cargo que nunca existiu pero que, dalgunha forma, exerciches; cando o teatro só saía -dicíamos- nas páxinas dos sucesos. Hoxe nen iso. Haberá que volver ás orixes! Logo dese encontro, no que xurdiu voluntariamente a amizade, penso que xa puidemos atuarnos e co tempo fomos aprendendo Antonio ata saber que o asunto comezou antes de Troula, en Tranco, no Teatro Humanista Nuevo ASPASIA, No Teatro Esperpento-La picota, no Teatro Circo de Artesáns, en Tespis ou en Andrómena. E que seguiu despois de Troula, en Manivela e Galería, como empresas propias; pero tamén en Teatro do Atlántico, Teatro do Noroeste, Artello Teatro, Teatro do Aquí ou en tempo máis recente en Avelaíña Teatro. Tamén no Centro Dramático Galego, no Centro Dramático Nacional e na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia ou no Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana do Castelo e na Compañía de Teatro de Braga no veciño Portugal. Había que dicilo, aínda que fose así en síntese. Se cadra, habería que dicir tamén no cinema e na televisión ou na dobraxe e aí aparecen: Lúa Films, CTV, TVG, Corazón Negro, Ábrego Films, Desexo ou Trama; onde desenvolviches traballos de deseño, dirección, interpretación e produción. Pero quizás foi Troula o teu proxecto máis importante. Troula! Esa formación irreverentemente e necesaria na que deches corda longa a todas as túas creatividades, as que fuches forxando cos grandes mestres; co teu primo Leopoldo que che ensinou os segredos do espazo cando aínda eras un rapaz; con Xulio Lago, vagalume da escena, mestre de cerimonias vivas, encantador de almas e tradutor de vidas alleas coma ti; naqueles vosos primeiros anos teatrais independentes, contundentes, cheos de vida, ilusións e xuventude que transcorreron entre A Coruña, Vigo e Madrid antes de volver aquí para contribuír a fundar o Teatro Galego, o noso teatro; e cadrar cos Alonso, Álvarez, Areoso, Braxe, Bárcena, Gómez, Guede, Heras, Lago, Lourenzo, Madeira, Manquiña, Martins, Medal, Redondo, Rivera, Taxes, Uriarte, Veira, Vidal, Villalaín... Apenas algúns dos moitos apelidos dunha longa nómina de piares aos que te xuntaches para construír este fantástico mundo teatral que hoxe habitamos. O noso edificio ten unha amálgama de estilos no deseño exterior, pero uns alicerces estruturais robustos, construídos coas rochas das mellores canteiras; da herculina, da compostelá, da ribadaviense, da ferrolá, da viguesa, da ourensá... Rochas puídas na itinerancia, no diálogo, na inquedanza... Asentadas na diversidade dos tempos, cementadas con proxectos comúns, construídas na loita diaria. Antonio, navegante intrépido! Tocaches todas as cordas, trazaches os mapas posibles, sucaches todos mares, teciches tapices vivos, tendiches pontes, subiches montañas para acadar as máis altas cotas do éxito ou para caer arrolos desde o cumio e ter que volver a empezar. Mentres haxa folgos todo é posible. E os proxectos chegaron se cadra convocados en aquelarres nocturnos, poida que entraran sen chamar en tempos de bonanza, se cadra foron froito da militancia, ou do compromiso... Si, tamén do compromiso! Do compromiso co público, coas autorías, coas profesionais, cos amadores, coa arte, contigo, connosco, co país co teatro. Antonio amigo; Antonio actor; Antonio axudante de produción; deseñador gráfico, de espazos escénicos, de iluminación, de vestiario; Antonio director de escena, artístico, de produción; Antonio dramaturgo, pai, pintor, produtor, realizador de cine e televisión... Antonio mestre. Con tanta nómina semella que os do teatro podemos ser aprendices de todo e mestres de nada ou, se cadra, superheroes inhumanos que vimos doutros planetas. Nunca máis lonxe da realidade! Nen unha cousa nen a outra. A vitalidade, o voluntarismo, o humanismo e as artesanías da vida, Antonio, son, como ti ben sabes, inherentes ao feito teatral e necesarias sempre para crear espectáculos e tecer sinerxias entre nós. Quizás por iso, a familia do teatro é grande e está forxada con afectos duradeiros, definida con palabras intelixentes, construída con proxectos comúns e con traballos artesanais, artísticos e técnicos; feita con moito, moito labor e tamén con moito, moito cariño. O teatro, como a vida, faise a tempo completo, mesmo poida que traballemos mentres durmimos porque, aínda así, seguimos soñando. Hoxe, querido Antonio, os soños fanse realidade con este merecido, caloroso, necesario e fermoso recoñecemento che ofrecemos neste espazo da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia que tamén axudaches a reconstruír aló cando, sen selo, actuabas como subdirector xeral de teatro. Só nos queda darche os parabéns e continuar pedindo longa vida para o teatro galego porque só así, querido Antonio, as nosas vaguidades cumprido fin terán. Ribadavia 17 de Xullo de 2026. Francisco Oti Ríos

Entrega do Premio da Academia Galega de Teatro 2026

Entrega do Premio da Academia Galega de Teatro 2026

06 / XUL / 2026

Tendes unha cita o próximo 18 de Xullo ás 12:00 no Salón de actos do Concello de Ribadavia durante a MIT Mostra Internacional de Teatro Ribadavia. Acompañádenos neste fermoso acto de entrega!

Xuntanza da Directiva da Casa Museo Xosé Manuel Pazos

Xuntanza da Directiva da Casa Museo Xosé Manuel Pazos

08 / XU / 2026

O sábado, 6/6/2026, unha cifra que semella redonda, celebramos a segunda xuntanza da Directiva da Casa Museo Xosé Manuel Pazos. Reunímonos na fermosa Casa Museo A Mangallona, en Cangas, aproveitando a hospitalidade de Camilo Camaño, compañeiro de Xosé Manuel en moitas loitas e iniciativas culturais e doutro tipo, ademais dun bo amigo.

Inauguración da Casa Museo Xosé Manuel Pazos. Nova no Faro de Vigo 7-6-2026

Inauguración da Casa Museo Xosé Manuel Pazos. Nova no Faro de Vigo 7-6-2026

08 / XU / 2026

Propoñen a inauguración da Casa Museo Xosé Manuel Pazos en Cangas para o 26 de setembro. O acto de apertura será un día antes da celebración da festa «A defensa da vila» que recrea a invasión turca da vila, con textos do autor teatral e exalcalde cangués, falecido en 2021

Inauguración das IV Xornadas do Pazo de Mariñán 2026 da Academia Galega de Teatro

Inauguración das IV Xornadas do Pazo de Mariñán 2026 da Academia Galega de Teatro

15 / MAI / 2026

O presidente da Academia Galega de Teatro Miguel Pernas Cora, coa participación de Natividade González, Deputada de Cultura da Deputación da Coruña e de Jacobo Sutil, director da AGADIC da Xunta de Galicia, inaugurou as IV Xornadas do Pazo de Mariñán 2026. A continuación desenrolouse o programa previsto. Pola mañá: Ponencia “25 ANOS DAS ARTES ESCÉNICAS EN GALICIA NO SÉCULO XXI” Con Manuel Xestoso e Roberto Pascual. Modera꞉ Inma López Silva. De seguido intervención dos distintos participantes e debate. Pola tarde: Ponencia “UN DIÁLOGO INTERGERACIONAL ENTRE CREADORES/AS GALLEGAS” Con Ánxeles Cuña, Cándido Pazó, Tito Asorey, Marta Alonso Tejada, Miguel Gendre e Constance Hurlé. Modera꞉ Xavier Castiñeiras. De seguido intervención dos distintos participantes e debate. As xornadas continuarán mañá coas mesas de debate nas que participarán profesionais do sector. Como en anos anteriores estas xornadas celébranse grazas a colaboración da Deputación da Coruña e o patrocinio da Xunta de Galicia-Xacobeo2027, a través da AGADIC.

Entrega do VIII Premio Laudamuco para textos teatrais 2026

Entrega do VIII Premio Laudamuco para textos teatrais 2026

07 / MAI / 2026

ENTREGA DO VIII PREMIO LAUDAMUCO PARA TEXTOS TEATRAIS DATA: Sábado, 16 de maio HORA: 18:00 h. LUGAR: Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura de Brión) María Peinado Casal é a autora do texto “Maseira”, recoñecido co VIII Premio Laudamuco, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O galardón seralle entregado nun evento especial no que a autora será recoñecida. O premio está dotado con 7.000 euros e a publicación da obra por Edicións Positivas. A gañadora tamén recibirá un trofeo coa figura de "Laudamuco, señor de ningures", obra do artista plástico Xosé Vizoso.

Programa IV Xornadas de Mariñán 2026

Programa IV Xornadas de Mariñán 2026

03 / MAI / 2026

Pensabamos no seu momento que o 2000 sería a porta do futuro tal e como nos profetizaba Kubrick na súa 2001, odisea no espazo, pero o futuro semella nunca chegar tal e como se profetiza. 25 anos despois desa barreira psicolóxica, o mundo encamíñase a un futuro que, a día de hoxe, ten que ver máis cos inicios do século XX que ao de dar voltas de vagar ao redor dunha nave espacial ao ritmo de Wagner. E o teatro? E sobre todo, o teatro galego? Que foi desta arte eterna neste primeiro cuarto de século? Este é o punto central destas xornadas: analizar e diseccionar cales foron os principais camiños, fitos, situacións e atrancos das nosas artes escénicas galegas no inicio deste novo milenio. Curiosamente o teatro, a arte do presente, ten unha moi forte fixación por aprender do pasado, do que fomos, do que somos e do que podemos chegar a ser, e ao mesmo tempo, produto e espello do seu presente. Así, as artes escénicas galegas, complexas e relativamente novas, recollen a un tempo todos os conflitos da nosa sociedade, a diglosia cada vez máis profunda, os seus vaivéns históricos, a súa gran variedade na creación, a estraña relación/dependencia entre o público e o privado, o seu especial sentido do humor..., numerosos temas que irán saíndo nestes encontros. Por iso foron diseñadas dende dúas perspectivas moi concretas: entre o diacronismo e o sincronismo. Dende un punto de vista diacrónico para poder entender cales foron os seus principais fitos da construción (ou destrución -xa veremos-), e sincrónico, porque queremos crear un punto de unión entre creadores e creadoras actuais, dende as máis novas que tomarán o relevo (e a responsabilidade) e aquelas artistas que xa teñen unha traxectoria máis consolidada para poder partillar as súas experiencias sobre o mesmo proceso da creación. E tamén atoparemos un oco para alegrarnos coa presentación do estudo das capitais senlleiras do teatro galego. Estas IV Xornadas propiciadas pola Academia Galega de Teatro no marco incomparable do Pazo de Mariñán son, dalgún xeito, unha illa para tomar aire, respirar conxuntamente e seguir na carreteira. Ás veces parar, sentarse, escoitar e falar, é a mellor forma de resistir e continuar na loita. E que veñan 25 primaveiras máis!!! PROGRAMA DAS XORNADAS XOVES 14 DE MAIO 17꞉30 h꞉ Xunta Directiva da Academia Galega de Teatro 19꞉00 a 20꞉30 h꞉ Chegada dos participantes ao Pazo de Mariñán 20꞉30 h꞉ Cea no Pazo de Mariñán VENRES 15 DE MAIO 9꞉00 a 10꞉00 h꞉ Almorzo 10꞉00 h꞉ INAUGURACIÓN DAS XORNADAS Intervirán꞉ ‒ Miguel Pernas꞉ Presidente da Academia Galega de Teatro ‒ Natividade González꞉ Deputada de Cultura da Deputación da Coruña ‒ Jacobo Sutil꞉ Director da AGADIC 10꞉45 h꞉ ASPECTOS ORGANIZATIVOS DAS XORNADAS Xosé Manuel Rabón (Coordinador Técnico das Xornadas) 11꞉00 h꞉ 25 ANOS DAS ARTES ESCÉNICAS EN GALICIA NO SÉCULO XXI Participantes꞉ Manuel Xestoso e Roberto Pascual. Modera꞉ Inma López Silva 12꞉00 h꞉ Café de media mañá 12꞉30 h꞉ Intervención das/os asistentes e debate 13꞉30 h꞉ Remate 14꞉00 h꞉ Xantar no Pazo de Mariñán VENRES 15 DE MAIO 16꞉00 h꞉ UN DIÁLOGO INTERXERACIONAL ENTRE CREADORES/AS GALEGAS Participantes꞉ Ánxeles Cuña, Cándido Pazó, Tito Asorey, Marta Alonso Tejada, Miguel Gendre e Constance Hurlé. Modera꞉ Xavier Castiñeira 18꞉00 h꞉ Pausa café de media tarde 18꞉30 h꞉ PERSPECTIVAS DE FUTURO PARA OS VINDEIROS 25 ANOS Participantes꞉ Xesús Ron e Daniel G. Salgado Modera꞉ Carlos Lorenzo 19꞉30 h꞉ Intervención das/os asistentes ao debate 20꞉30 h꞉ Cea no Pazo de Mariñán

Programa IV Xornadas Pazo de Mariñán "2000-2025: SUMANDO PRIMAVERAS" 14 ó 16 Maio 2026

Programa IV Xornadas Pazo de Mariñán "2000-2025: SUMANDO PRIMAVERAS" 14 ó 16 Maio 2026

02 / MAI / 2026

2000‒2025꞉ SUMANDO PRIMAVERAS No Teatro Galego estamos de celebración, 25 anos máis de existencia e, parafraseando a D. Álvaro Cunqueiro, sumando 25 primaveras máis. A Academia Galega de Teatro decidiu non deixar pasar este feito, e quere dedicar a esta efeméride as IV XORNADAS DE MARIÑÁN. E para comezar, compre realizar unha ollada reflexiva sobre unha xanela de vintecinco anos, analizar o comportamento dos diferentes participantes no elenco do feito teatral cara á consecución duns obxectivos comúns, dun avance cuantitativo e cualitativo. Falamos dunha longa travesía cos seus espazos de calma e as súas treboadas e, desde un porto seguro, desde a atalaia da contemplación do sucedido, podemos referir un caderno de bitácora moi complexo pero en definitiva, exitoso, de suma de esforzos contra as adversidades. Neses primeiros 25 anos do Século XXI, á parte dunha crise económica internacional e dunha pandemia mundial (que serán debidamente analizadas), situamos a andaina da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e o seu impacto no sistema teatral galego; un fito histórico absolutamente determinante que vai posibilitar, tamén no mesmo período, outro fito absolutamente impensable na historia do teatro profesional galego꞉ a convivencia de tres xeracións nos escenarios do país. E imos posibilitar un encontro interxeracional de debate e reflexión no marco destas Xornadas. E como non, a Academia Galega de Teatro como xeradora dun espazo de pensamento, espírito que guía os seus pasos e obxectivo vital da súa creación, non debe deixar pasar a ocasión de facer presente unha análise do futuro próximo de outros vintecinco anos cos seus novos paradigmas e os mecanismos de defensa contra novos virus que poidan aparecer. Sen dúbida un programa atractivo para celebrar e para debatir, para pensar e repensar realidades moi diferentes, para compartir esas realidades e, en definitiva, para avanzarmos cara a unha meta común꞉ a certificación da boa saúde do noso Teatro Galego. Miguel Pernas Presidente da AGT

Premio Academia Galega de Teatro 2026 a Antonio Simón. Nova en Cultura Galega

Premio Academia Galega de Teatro 2026 a Antonio Simón. Nova en Cultura Galega

27 / ABR / 2026

Antonio Simón recibe o Premio da Academia Galega de Teatro O actor, director e escenógrafo coruñés recibe a homenaxe da entidade polo seu papel precursor na escena galega

Premio Academia Galega de Teatro 2026 a Antonio Simón

Premio Academia Galega de Teatro 2026 a Antonio Simón

27 / ABR / 2026

A Academia Galega de Teatro vén de conceder o Premio de Honra 2026 a Antonio Simón, un dos pioneiros da profesionalización do teatro na Galiza e unha voz clave na consolidación das artes escénicas no país. Ao longo de décadas de traxectoria, Simón desenvolveu un labor esencial como director, xestor e impulsor de proxectos teatrais, contribuíndo a crear estruturas sólidas para o sector. O seu compromiso co teatro galego foi constante, apostando sempre por unha escena con identidade propia e vocación de futuro. Este recoñecemento pon en valor non só unha carreira extensa, senón tamén unha forma de entender a cultura como ferramenta de país. Antonio Simón é, sen dúbida, parte da historia viva do teatro galego.

Premio Academia Galega de Teatro 2026 a Antonio Simón. Nova en NÒS Diario

Premio Academia Galega de Teatro 2026 a Antonio Simón. Nova en NÒS Diario

26 / ABR / 2026

A Academia Galega de Teatro outorga o seu premio a Antonio Simón, un dos pioneiros da escena profesional na Galiza O galardoado ten demostrado durante todo o seu itinerario vital un inquebrantábel compromiso co teatro galego, converténdose unha peza fundamental na Mostra de Teatro Galego Abrente, na creación do Centro Dramático Galego ou na posta en marcha dos Premios de Teatro María Casares, entre outros fitos das artes escénicas do país.

VIII PREMIO LAUDAMUCO PARA TEXTOS TEATRAIS

VIII PREMIO LAUDAMUCO PARA TEXTOS TEATRAIS

27 / MAR / 2026

María Peinado Casal é a autora do texto “Maseira”, recoñecido co VIII Premio Laudamuco, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O xurado, formado por Ánxeles Cuña, Cristina Domínguez, María Torres, Roberto Pascual e Manuel Xestoso, salientou na súa acta “a frescura e orixinalidade da obra”, así como “o uso dun humor tendente ao absurdo, que define un estilo propio e envolvente”. Ademais, destacou “o seu carácter antibelicista, tratado dunha maneira non dogmática, que permite unha lectura crítica e aberta”. O premio está dotado con 7.000 euros e a publicación da obra por Edicións Positivas. A gañadora tamén recibirá un trofeo coa figura de "Laudamuco, señor de ningures", obra do artista plástico Xosé Vizoso. A entrega celebrarase o vindeiro 16 de maio na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) en Brión.