Academia Galega de Teatro

POR UN TEATRO CHEO: CHEO DE ESPECTÃCULOS, DE TALENTO, DE ESPECTADORES, DE ACTIVIDADE, DE EMOCIÓN, DE ARTE, DE ORGULLO, DE ILUSIÓN… 

Fins e obxectivos

A  Academia Galega de Teatro, constituída coa finalidade de debater e facer chegar á sociedade e ás institucións os problemas da vida escénica galega, quere facer público este Programa Básico para o Teatro Galego:

1.- Ampliación, tanto cualitativa coma cuantitativamente, do apoio institucional ás compañías profesionais de teatro co obxectivo de consolidar empresas teatrais sólidas que poidan afrontar con medios e recursos suficientes e dende a iniciativa privada a produción, distribución e exhibición de espectáculos teatrais.

2.- Adscrición da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia á Universidade. Implantación progresiva das ensinanzas teatrais nos diferentes niveis do sistema educativo, tanto nos regulados pola Lei de Ordenación Xeral do Sistema Educativo como na Universidade. Promoción de Escolas Municipais e/ou Comarcais de Teatro.

3.- Creación de compañías residentes nos teatros de titularidade pública das principais cidades galegas, con competencia para producir espectáculos e programar un espazo escénico específico, desde o que establecer intercambios e todo tipo de colaboracións con outras compañías e explorar novas posibilidades de exhibición, coa finalidade de establecer unha nova e mais rica relación entre o teatro e o seu entorno social.

4.- Reestruturación ou mesmo reconsideración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) coa creación dun Departamento de Teatro que recupere o valor do teatro como arte e cultura por riba do concepto de industria e que funcione con autonomía orzamentaria, de xestión, de programación e de contratación, situando a súa fronte a persoas cos coñecementos e coa competencia profesional necesaria para deseñar, poñer en marcha e coordinar proxectos de fomento e regularización do Teatro. Este departamento contemplará a posibilidade de creación de novas unidades de produción teatral para responder á diversidade creativa en todos os ámbitos e coordinará as diferentes administracións e a outras entidades e organismos co obxectivo de establecer programas, proxectos e iniciativas comúns para o desenvolvemento do teatro en Galicia, así como o seu espallamento e divulgación máis aló das nosas fronteiras.

5.- Creación do Centro de Documentación Teatral como espazo para salvagardar a memoria do teatro galego e promover o seu coñecemento e divulgación.

6.- Dotar ao Centro Dramático Galego da autonomía xurídica necesaria para producir os seus espectáculos e xestionar as súas actividades, e dotalo dos medios necesarios e das infraestruturas precisas para un adecuado desenvolvemento das súas funcións e actividades cumprindo cos seus naturais obxectivos.

7.- Inclusión da actividade teatral galega nos grandes proxectos institucionais de carácter cultural, considerando imprescindible que na Cidade da Cultura teña presenza destacada a creatividade teatral galega tanto a nivel das programacións como, e sobre todo, a nivel da construción e da utilización das infraestruturas.

8.- Establecer novos modelos de exhibición e distribución que garantan unha presenza máis prolongada dos espectáculos teatrais nos seus espazos naturais de existencia: os teatros.

9.- Redefinición e mellora da Rede Galega de Teatros e Auditorios promovendo a incorporación significativa de novos puntos de representación, aumentando o número de días de permanencia dos espectáculos en cada praza e estendendo a súa actividade a todos os meses do ano, mellorando substancialmente as súas infraestruturas, equipamentos e recursos.

10.- Posta en marcha dun novo modelo de relación entre a administración e as compañías teatrais que contemple a realización de proxectos puntuais, anuais e plurianuais en función dos obxectivos e da finalidade de cada proxecto teatral concreto e co obxectivo de potenciar a estabilidade no tecido produtivo.

11.- Implicación decidida das entidades privadas e semi-públicas e das fundacións, na promoción e difusión do teatro galego dentro das competencias que lles son propias. Reclamación dunha lei de mecenado que facilite a implicación destas entidades no fomento da dramaturxia, na promoción e difusión do teatro e no financiamento e patrocinio de proxectos escénicos.

12.- Creación dun mapa de mostras e festivais, considerando os existentes e establecendo novos obxectivos. Posta en marcha dun Festival Internacional de Teatro nalgunha das cidades galegas.

13.- Creación dun circuíto de exhibición entre as cidades do Eixo Atlántico que permita e potencie o intercambio de producións teatrais entre Galicia e Portugal.

14.- Promoción dos espazos alternativos de exhibición e das compañías que os promoven para fomentar a diversidade na produción e atender as demandas dos diferentes públicos.

15.- Estimulación da escrita dramática en galego e promoción da súa difusión editorial e escénica así como potenciación da lectura nos centros de ensino e nas bibliotecas.

16.- Deseño e a posta en marcha desde as entidades competentes de campañas de promoción, de información, de divulgación e de formación e captación de novos públicos.

17.- Cumprimento por parte dos medios audiovisuais de titularidade pública (Radio Nacional, Radio Galega, TVE e Televisión de Galicia) das funcións que lles son propias con respecto á consolidación do teatro en Galicia, creando espazos específicos e permanentes de información, divulgación e exhibición da actividade teatral.

18.- Establecemento de acordos e convenios específicos cos medios de comunicación para potenciar a presencia do teatro galego nos mesmos.

19.- Fomento da investigación teatral na Universidade e nas diversas institucións culturais, quer da orientada á realización de estudos teóricos, quer da dirixida á experimentación e á investigación das diversas tendencias e correntes escénicas.

20.- Promoción do teatro para a infancia, a mocidade e os maiores, do teatro de títeres, do teatro de rúa e doutras manifestacións teatrais ou performativas.

21.- Fomento do teatro afeccionado, do teatro escolar e doutros tipos de práctica teatral non profesional.

  • Listado da Directiva
  • Listaxe de Académicos/as

Presidenta:

  • Imma António Souto

Vicepresidente:

  • Eduardo Alonso Rodríguez

Secretario:

  • Francisco Oti Ríos

Tesoureira:

  • Luz María Gómez Rodríguez

Vogais:

  • María Jesús Barcala Porto
  • Xavier Castiñeira Blanco
  • Manuel Herminio Xestoso González
  • Carlos Caetano Biscainho Fernandes
  • Xoana Balado Fernández
  • Pilar López Pérez

Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí. Se queres saber máis, le a nosa Política de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies