Nace como un espazo "de debate e reflexión" preséntase cun programa de medidas estruturais para a escena galega.
“A construción dun país implica a construción do seu teatro”. Con estas verbas presentou a Academia Galega de Teatro a súa presidenta, Imma António, nun acto celebrado este martes no Consello da Cultura Galega que contou coa participación de Eduardo Alonso, Luma Gómez e Antonio F. Simón, figuras moi vencelladas ao teatro de Galicia. Esta organización xorde como un espazo de carácter “transversal” para ocupar un “lugar baleiro” no relativo ás artes escénicas, xa que asociacións coma a de Actores e Actrices teñen unha natureza máis “sindical” que de “difusión cultural”. Co gallo do Día Mundial de Teatro, que se celebra hoxe, presentouse no salón de actos do Consello da Cultura Galega a Academia Galega de Teatro (AGT), creada nun acto solemne celebrado no Auditorio Municipal de Rianxo o 2 de outubro de 2017, por un grupo de 17 persoas vencelladas ao mundo do teatro profesional. Son neste momento 27 as persoas que conforman esta nova entidade creada como un espazo de encontro, reflexión e debate sobre o exercicio do oficio teatral. Inma Antonio, primeira presidenta da AGT estivo acompañada por Eduardo Alonso conducindo o acto, Luma Gómez e Antonio Simón para dar traslado das principais motivacións e obxectivos desta nova Academia.