20 / MAI / 2024
Estas II Xornadas da Academia Galega de Teatro en Mariñán, se celebrarán do día 23 de maio ao 25 de maio de 2024. Realízanse baixo o lema: “O DESEÑO DAS PROGRAMACIÓNS TEATRAIS GALEGAS: NA PROCURA DUN MODELO COOPERATIVO” Tendo en conta a natureza das artes escénicas como servizo público, preténdese buscar un modelo conxunto de diálogo entre diversos axentes culturais que o integran (programadores/as e empresas escénicas) no marco proporcionado pola Academia Galega do Teatro no Pazo de Mariñán nas datas que van da tarde do xoves do 23 de maio de 2024, ate o sábado 25 de maio de 2024. O marco local, é a administración que máis se esforza por cumprir as primeiras necesidades da cidadanía, con todo, na maioría dos casos, esas necesidades cóbrense sen unha política clara, sen reflexión sobre o futuro e sen obxectivos a longo prazo. Isto pode aplicarse ao eido da política cultural municipal. A gran variedade de actividade cultural existente nos concellos galegos, e en concreto nas artes escénicas, fai que a xestión que se realiza, en función dos intereses, recursos e organización, sexa moi distinta duns concellos a outros xerando unha realidade complexa e diversa. A Academia Galega de Teatro xera un espazo de pensamento, nun encontro cun espírito distendido, para repensar o sistema de programación que se está a levar a cabo en Galicia, onde distintos axentes da administración local -especialistas e profesionais- analizarán a situación co fin de marcar uns puntos de encontro cuxo obxectivo é mellorar o sector escénico do noso país para o futuro. Coa participación de todas/os estes profesionais pretendemos establecer un diálogo cun grupo de persoas expertas que programan en distintas realidades, achegarnos a cada unha delas, e intentar depurar un conxunto de ferramentas que permitan a evolución no marco das Artes Escénicas en xeral, e do teatro en particular.