VI PREMIO "LAUDAMUCO" PARA TEXTOS TEATRAIS🎭📚 Coa intención de incentivar e apoiar a creación dramática en lingua galega, contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura, o Concello de Brión, co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, convoca, o VI Premio “Laudamuco” para Textos Teatrais 2023.
José Luís Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977) ven de gañar a sexta edición do premio Laudamuco de textos teatrais, organizado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, que edita a obra gañadora: A porta. Un relato de violencia; De Cos tamén recibirá 7.000 euros. No certame participaron un total de 49 traballos, duplicando a participación das dúas últimas edicións, e só superados polos 54 orixinais da primeira convocatoria. O premio foi entregado o pasado 16 de maio en Brión. O xurado estivo composto por Xoana Balado, Antonio F. Simón, Miguel Pernas, Francisco Oti e Carlos Vizcaíno, como secretario. Destacou a "potente dramaturxia da obra construída a partir da intersección entre ficción e realidade, personaxes e intérpretes, metateatro e psicodrama". O autor gañador é licenciado en Dereito e Antropoloxía Social, e reside en Santiago dende hai anos; Estudou teatro social e teatro dos oprimidos. Nos últimos anos recibiu diversos premios de teatro, como o premio Jenaro Marinhas del Valle de teatro curto, con O círculo; o Abrente do MIT de Ribadavia con Asfixia; Roberto Vidal Bolaño con A Cámara Escura; o Varela Buxán por Segunda Morte; ou o Barriga Verde de títeres, en modo adulto, con As nubes. Con este galardón, Baños de Cos súmase a unha lista da que forman parte Vicente Piñeiro, Paula Carballeira, Francisco Antonio Vidal, Raúl Dans e Xavier Lama.