02 / MAI / 2026

2000‒2025꞉ SUMANDO PRIMAVERAS No Teatro Galego estamos de celebración, 25 anos máis de existencia e, parafraseando a D. Álvaro Cunqueiro, sumando 25 primaveras máis. A Academia Galega de Teatro decidiu non deixar pasar este feito, e quere dedicar a esta efeméride as IV XORNADAS DE MARIÑÁN. E para comezar, compre realizar unha ollada reflexiva sobre unha xanela de vintecinco anos, analizar o comportamento dos diferentes participantes no elenco do feito teatral cara á consecución duns obxectivos comúns, dun avance cuantitativo e cualitativo. Falamos dunha longa travesía cos seus espazos de calma e as súas treboadas e, desde un porto seguro, desde a atalaia da contemplación do sucedido, podemos referir un caderno de bitácora moi complexo pero en definitiva, exitoso, de suma de esforzos contra as adversidades. Neses primeiros 25 anos do Século XXI, á parte dunha crise económica internacional e dunha pandemia mundial (que serán debidamente analizadas), situamos a andaina da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e o seu impacto no sistema teatral galego; un fito histórico absolutamente determinante que vai posibilitar, tamén no mesmo período, outro fito absolutamente impensable na historia do teatro profesional galego꞉ a convivencia de tres xeracións nos escenarios do país. E imos posibilitar un encontro interxeracional de debate e reflexión no marco destas Xornadas. E como non, a Academia Galega de Teatro como xeradora dun espazo de pensamento, espírito que guía os seus pasos e obxectivo vital da súa creación, non debe deixar pasar a ocasión de facer presente unha análise do futuro próximo de outros vintecinco anos cos seus novos paradigmas e os mecanismos de defensa contra novos virus que poidan aparecer. Sen dúbida un programa atractivo para celebrar e para debatir, para pensar e repensar realidades moi diferentes, para compartir esas realidades e, en definitiva, para avanzarmos cara a unha meta común꞉ a certificación da boa saúde do noso Teatro Galego. Miguel Pernas Presidente da AGT
